Fluidr
about   tools   help   Y   Q   a         b   n   l
User / SINDO MOSTEIRO / Decoración modernista en cemento moldeado: Antigo Bar Cambados
Sindo Mosteiro / 5,362 items
Os primeiros anos do século XX son os da afirmación dunha cultura e sentimento diferencialista, primeiro coas Irmandades da Fala, que despois desembocan na Xeración Nós. Liquídase o vello sistema foral e o sector agrario inicia unha reconversión aos poucos cara o mercado, en paralelo ao crecemento decidido das cidades e vilas medias grazas ao impulso de comercio e industria, no que ten unha aportación definitiva o grande volume de achegas dos emigrantes americanos, máis dun millón de persoas expatriadas por aqueles anos de Galicia. Así, a actividade artística e construtiva vese alterada considerablemente. Agora hai unha nova clientela burguesa que medrou en grande número, e que precisa de novas formas artísticas que definan o seu status, unha demanda pola modernidade e progreso.
Neste punto está o Modernismo que, nas súas diferentes variantes, trunfa en Europa. Porén en Galicia, como no resto do Estado, hai aínda unha tendencia forte cara o Eclecticismo e formas estéticas que reivindican certos elementos identitarios e próximos á tradición, algo que será máis evidente xa coa xeración de Antonio Palacios.
Búscanse agora novos materiais e técnicas que diferencien a esta burguesía en novas áreas de expansión urbana, aínda que non hai unha ruptura definitiva co Eclecticismo decimonónico e mesmo co vello sistema de construción tradicional. O uso da masa de cemento ou de cal, que polo xeral resulta frío, especialmente no caso do primeiro, en canto aos estilos decorativos deste momento, especialmente o Modernismo, resulta dunha elegancia manifesta acadada mediante flexións e ritmos tomados da natureza, buscando a curva como medio principal, e supoñendo unha rebaixa considerable de custes para o caso das pezas moldeadas e tiradas en serie, o que fará popular en décadas posteriores o uso de pezas tiradas de moldes para decorar antepeitos de fiestras, recercados e outros. Préstanse ademais para facer series longas para defensa de terrazas alternativas ao traballo de forxa, como ben se ve na Terraza de Sanxenxo xa desaparecida.
Os exemplos en Cambados son moitos, podendo citar a Taberna do Roquiño, a Casa de Portas e a de Higinio na Avenida de Vilariño, o antigo Bar Cambados, a Casa da Ponte na Barca e outras. Na maior parte delas tamén se busca o contraste de texturas entre os recercados dos vans e os panos con masa proxectada de textura rugosa, con frecuencia riscada de xeito que se imitan fiadas de perpiaño. Neste tipo de decoración o contraste de cores era fundamental para facer presente o edificio no seu entorno. Bos exemplos son a Taberna do Chiscarro (hoxe casa familiar) no Sineiro (Vilariño), unha hoxe en ruínas no lugar do Riveiro (Corvillón) ou a de Evaristo da Xesteira na Xesteira (Vilariño).

MÚSICA: Claude Debussy - "Estampes: Jardins Sous La Pluie", interpretado por Walter Gieseking
youtu.be/w-1ERRRUM-c
Popularity
  • Views: 1441
  • Comments: 5
  • Favorites: 10
Dates
  • Taken: Oct 25, 2015
  • Uploaded: Nov 27, 2015
  • Updated: Mar 14, 2018