Fluidr
about   tools   help   Y   Q   a         b   n   l
User / SINDO MOSTEIRO / Guerreiro celta (Narciso Pérez, 1928)
Sindo Mosteiro / 5,362 items
O “Guerreiro Celta”, se cadra a mellor obra de Narciso Pérez Rey (San Tomé do Mar, 1904-1930), xunto coa que lle dedicou a San Ero de Armenteira, é unha das pezas mestras da escultura galega da súa época. Foi labrada polo seu autor no ano 1928 e tomou como modelo a un veciño mariñeiro, Avelino Rial Abraldes, coñecido como Avelino “Tumbalobos”, dun aspecto impoñente a causa do seu gusto pola halterofilia nos seus anos mozos. Disque no seu tempo libre o de erguer pesas era o seu entretemento favorito. Unha simple ollada a esta obra permite intuír o futuro tan prometedor que tería Narciso no campo da escultura e, de feito, sería pensionado pola Deputación de Pontevedra para complementar a súa formación. A mágoa foi que desaparecese tan cedo, no ano 1930, cando ademais de estar inmerso na súa carreira artística, tamén colaboraba nos encargos que se realizaban ao taller de seu pai, Segundo Pérez, mestre de obras e construtor que difundiu un estilo híbrido entre o modernismo e o eclecticismo pola comarca do Salnés. Desta etapa quedan en Cambados obras tan salientables como a fonte da praza de Alfredo Brañas ou a columnata do Pósito de Pescadores. Antes da incorporación ao taller familiar de Narciso e o seu irmán Antonio, o encargado dos traballos de deseño, modelado, moldeado e baldeirado das pezas de decoración arquitectónica fora Francisco Leiro, outro escultor talentoso que deixou aparcada esta faceta para traballar como ebanista e carpinteiro no taller que montou tras a marcha da compañía de Segundo.
O “Guerreiro Celta” –que durante moitos anos tivo o Museo de Pontevedra conservado de xeito bastante deficiente, nos xardíns exteriores, do que se derivaron danos hoxe visibles– poderíase incluír dentro dunha terna maxistral de espidos galegos dos anos 20, onde o espido está lonxe do modelo clásico e incorpora un claro compoñente ideolóxico en conexión co ambiente das Irmandades da Fala e o mito do celtismo que caracterizaba o pensamento nacionalista da época (aquí a miña opinión sobre o tema céltico: www.flickr.com/photos/sindomosteiro/27382939265/in/album-...). As outras dúas pezas serían a “Druidesa” (tamén chamada “Galicia”) de Uxío Souto, de 1926, e a “Santa” de Francisco Asorey, do mesmo ano. Escóllese un intre de transo, probablemente previo á entrada en combate do guerreiro, abstraído, cos ollos fechados, coas mans solapadas sobre a empuñadura da espada en repouso, espido e axeonllado, en íntima conexión coa terra que ten conta del e o abeira antes de partir cara o seu destino. O puro físico do corpo de Avelino é aquí transformado por Narciso nun templo onde aniñan o misticismo e a dignidade daqueles vellos loitadores galaicos. Con obras así non é de sorprender que Narciso fose escollido para a prestixiosa “Exposición de Arte Gallego”, celebrada no Colexio de San Clemente de Santiago de Compostela, no ano 1926, se cadra a cimeira da súa carreira en canto a recoñecemento á súa obra.
Daquela o ambiente no que nace esta peza devecía un cambio radical para unha Galicia que se vía aldraxada e ollaba cara un pasado mítico inzado de guerreiros e bardos, na busca dun espertar, tal como se facía en lugares que se sentían próximos como Irlanda. Este sentimento xa se viña expresando desde o século XIX por diferentes poetas, dos que citaremos a Eladio Rodríguez González cunha peza de 1891:

¡Céltica inspiración, musa que dórmes
O sono da inominia, acurrunchada
N’o mesmo leito ond’hoxe s’espriguizan
As nósas máis risonas esperanzas;…!
¡Désperta d’unha ves, céltica musa,
Qu’é tempo xa que despertando vayas!
Desperta d’unha ves, para qu’entr’os hinos
D’as vencedoras e trunfales marchas
Escoitemol-os cántecos guerreiros
Qu’os indomabres celtas entoaban
N’o fragor d’as conquistas viutoriosas…

MÚSICA: Wardruna - IwaR
youtu.be/SNTSoizcvME
Popularity
  • Views: 2979
  • Comments: 2
  • Favorites: 15
Dates
  • Taken: May 29, 2014
  • Uploaded: Feb 3, 2018
  • Updated: May 29, 2023