Xa temos falado noutro momento de como os Torrado se fixeron co vello priorado agostiño da Modia e como pouco a pouco se foi parcelando e desfacendo aquel predio ao punto de faceren uso tamén da pedra do edificio e muralla para acometer a construción da súa casa na Cabana, esta que podemos ver na fotografía. É un tipo de edificio bastante sinxelo seguindo unha liña eclecticista, destacando na fachada sur os dous escudos asombrados por unha pérgola que abeira a terraza. Un dos escudos é moi semellante ao que se colocou na chamada Casa da Cabana e ao que se pode ver na fachada principal do Pazo de Torrado, coas armas desta familia sostidas por unha serea tenante alusiva aos Mariño de Lobeira. O outro alude á familia coa que entroncaron estes Torrados, descendente da casa da Pena en Vilariño, no concello do Pereiro de Aguiar.
MÚSICA: Yonder - "Gankino Horo"
youtu.be/er-3MWGJWTg