Fluidr
about   tools   help   Y   Q   a         b   n   l
User / SINDO MOSTEIRO / Casa de Rovira no Borrón
Sindo Mosteiro / 5,362 items
A casa feita polo doutor Manuel Rovira Carreró no Borrón, en pleno casco urbano de Cambados, é un exemplo bastante singular de utilización do repertorio modernista nunha vila pouco dada ás novidades estéticas e doutro tipo. De feito, a mesma presenza deste médico de orixe catalá en Cambados resultaba un contrapunto ao abafante ambiente conservador. Co que non contaba seguramente é que acabaría emparentando cunha das familias de maior significación dentro dese ambiente. Cóntase que, xa iniciado o levantamento fascista contra a República, e visto que tiñan controlado as institucións, fixo acto de presencia na misa do domingo, a pesar do seu ateísmo coñecido por todos. Chamoulle a atención ao mesmo cura, o moi conservador Cadarso, quen lle preguntou:
-¿Qué, doctor Rovira, a salvar el alma?
ao que respondeu cunha franqueza total:
-¡Qué coño! ¡A salvar el cuerpo!
Está visto que non estaban os tempos para ideoloxías e conviccións e seguramente sería aconsellado polo seu cuñado, o avogado José González Fraga, membro voluntario da garda cívica e censor postal nos tempos do "Glorioso Alzamiento Nacional", para dar un paso adiante e tragar ese sapo.
A estrutura da casa non difire moito de calquera outra da vila, con baixo e un andar levantados en cachotería de pedra. O que a fai singular é o uso das formas modernistas de orixe francés para a forxa de portal, balcóns e fiestras e a carpintaría de madeira para as portas e portal. Tamén resultou pouco común a utilización de azulexos para decorar a galería da parte posterior. O estado actual da casa deixa bastante que desexar, especialmente no caso dos seus elementos máis singulares antes anotados, e hai que ter en conta o pouco común dese estilo na vila de Cambados. Descoñezo a data exacta da súa construción, aínda que, segundo indica Ramón Cabanillas nunha carta a Manuel Sánchez Peña, no 1913 estaba en obras.

MÚSICA: Gabriel Fauré - Sicilienne Op. 78.
www.youtube.com/watch?v=KweXColOsgQ&feature=colike
Popularity
  • Views: 1602
  • Comments: 18
  • Favorites: 3
Dates
  • Taken: Apr 4, 2010
  • Uploaded: Sep 11, 2012
  • Updated: Sep 13, 2015