TREBÓN PERPETUO
Revoan as gueivotas cal sotiles agoiros
diante das furnas mouras, dos umbraes tremelidos,
sulagadas na outura dubidosa
sobor das cons que teñen a dór do arraigamento.
E os ollos vixiantes
do mariñeiro erguido no cimacio da anguria
descobren nas foulas rodantes que esgotan os azos do vento
nos ronseles de escuma que siñalou o Ióstrego
vertendo ouros airados sobor da pel das ágoas
os fondos cadeleitos de anteriores naufraxios.
Queixume da calima misturada cos choros largasíos
das lonxanas campáns
que alongan o seu tanguido triste nas intranas.
Pola anguria das mulleres que esculcan dende as cons
o erguido mastro senlleiro, o velamio
firme ao trebón perpetuo do destiño
e que atopan na praia o remo soio
ou a faciana descoñocida moito tempo ousesa
do que ninguén contou o istrano acontecer
Manuel Cuña Novás (1924-1992)
MÚSICA: levon minassian & armand amar - songs from a world apart - tchinares
youtu.be/j3wUQhBjejk