Fotografía tomada coa vella Zenit-122 en outubro de 1995
Durante os anos 1995 e 1996, nos que eu estaba traballando no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, dous vellos amigos daqueles tempos, Carlos Búa Carballo e Servando Lois Silva, que estaban a facer as súas teses sobre inscricións latinas na epigrafía galega, viñeron pasar algúns días para localizaren as pezas que se atopaban na provincia de Ourense e faceren o seu estudo correspondente. Para ese traballo utilizaron como base de operacións o meu piso daquela na rúa Jesús Soria e viñan acompañados en ocasións doutros investigadores como Maruxa e o profesor portugués da Universidade de Lisboa Amílcar Guerra. Esas viaxes por boa parte da provincia permitíronme coñecer a situación lamentable na que se atopaba a maior parte dos elementos epigráficos galegos, ciscados por sitios inverosímiles e reutilizados dos xeitos máis pintorescos. Lamentablemente hai que dicir que a situación a día de hoxe non ten cambiado substancialmente pois, aínda que algunhas pezas máis se teñen incorporado ás coleccións museísticas, hai un lotazo delas facendo de soporte de cancela, de esteo para soportar muros de vivendas, como elemento decorativo en xardín, como soporte de altar, como material de obra dentro de muros, etc.
Nesta foto pódese ver a Carlos, Servando e Maruxa tratando de ler o epígrafe dunha das aras da capela da Asunción de Baltar. Trátase de dúas aras votivas procedentes do entorno do castro romanizado de Outeiro, na próxima Serra de Gomariz, onde teñen aparecido elementos de ferro e terra sigillata característicos desa cultura. As lecturas que se teñen feito son as seguintes: 1- "D (eo) REVE/LARAUCO/VALEN(us) APER EX/VOTO", ("Para Reva dos Laraucos, de Valeno Aper por unha promesa"). 2- "EX(vot)o" (o resto do campo epigráfico resulta de moi difícil lectura polo seu mal estado de conservación).
www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2004/11/06/3182337.shtml
MÚSICA: Händel - Giulio Cesare In Egitto Hwv17: Aria "Piangerò La Sorte Mia"
youtu.be/V8q-8wwmBS8