A orixe do cenobio de Pantón non está moi clara. Parece certo que foi un mosteiro dúplice desde os primeiros tempos até o século XII. En 1175, despois dunha fase de decadencia, a condesa Fronilda de Lemos decídese a restaurar a vida monástica: o mosteiro rehabilítase e intégrase na orde do Císter baixo dirección dos monxes de Meira. A xurisdición destes prolongarase até 1600, cando o cenobio se integrará na Congregación de Castela.
Accédese ao conxunto a través dun singular arco de entrada do século XVIII. A súa planta é singular, xa que o seu único claustro -o regular- atópase ao oeste da igrexa, pegado á fachada da mesma. A fachada do mosteiro é de tipo renacentista. Posúe un torreón á dereita, rematado nun mirado con balaustrada de pedra.
Formando ángulo co edificio está a hospedaría, con galería e columnata de pedra a modo de pazo. No espazo oposto está o edificio coñecido como Casa das Donas, onde se aloxaban as damas da nobreza que tomaban os hábitos. As chemineas monumentais dotan o edificio do seu orixinal aspecto.
O valor artístico do conxunto descansa fundamentalmente na igrexa monacal. A súa riqueza ornamental colide coa austeridade construtiva que daquela caracterizaba os templos do Císter. Por iso se considera que a súa construción -probabelmente na segunda metade do s. XII- foi anterior á incorporación do mosteiro á orde.
Consta dunha soa nave rectangular. Baixo a cuberta a dúas augas figura un fermoso artesoado de madeira de inspiración mudéxar. Traballados motivos adornan os capiteis en toda a nave. Unha gran arquivolta a modo de arco triunfal dá acceso á ábsida, un anaco máis reducida.
A ábsida é a parte máis interesante da igrexa. Ten forma semicircular precedida de tramo recto. Neste tramo, cuberto con bóveda de canón, figuran os sepulcros de Diego e Lope de Lemos. O tramo curvo, con bóveda de cuarto de esfera, ten tres curiosas ventás enmarcadas por arcos de medio punto, ao dereito e invertidos. Tamén na ábsida son admirábeis os variados motivos vexetais, animais e antropomorfos dos capiteis e, no exterior, dos canzorros.
O elemento destacábel do interior do mosteiro é a parte baixa do claustro renacentista, semellante aos de Montederramo ou San Clodio. Arcos de medio punto sobre capiteis xónicos e bases toscanas sosteñen unha cornixa saínte sobre a que debía descansar un segundo claustro. Este non chegou a construírse.
Loading contexts...